Sunday 19 de May de 2024

O Plan de conservación do Espazo Natural Ribeiras do Mero-Barcés en Abegondo inicia o período de participación pública


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se abre un prazo de 20 días para que os colectivos e cidadáns interesados podan presentar as súas achegas a este documento
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia a apertura dun período de participación pública no procedemento elaboración do Plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Ribeiras do Mero-Barcés, no Concello de Abegondo.
Deste xeito, durante un período de 20 días hábiles -que comezan a contar mañá- os cidadáns, colectivos ambientais, ou calquera persoa física ou xurídica interesada poderán achegar as consideracións e comentarios que consideren de interese para que sexan tidos en conta no procedemento de elaboración do Plan.
Este espazo foi declarado, de xeito provisional, espazo natural de interese local mediante Orde do 20 de setembro de 2016. A declaración provisional do ENIL condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do Concello de Abegondo, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada de Plan de conservación.
Formalizada a remisión, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inicia o procedemento para a súa aprobación -por parte do Consello da Xunta-, polo que se debe someter á participación pública da cidadanía para observar as garantías en materia de participación da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente e para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co medio ambiente.
O ENIL Ribeiras do Mero-Barcés é un espazo natural cun gran potencial ecolóxico e gran calidade ambiental que actúa como un verdadeiro corredor verde favorecendo a conectividade ecolóxica do territorio abegondés. Contribúe con seus valores naturais á conservación de diversos hábitats de interese comunitario como son os bosques riparios, prados de sega de baixa altitude e soutos de castiñeiros que coexisten xunto a bosquetes de carballos, ameneiros e bidueiros situados na beira dos ríos. Os hábitats asociados a estes cursos de auga favorecen, ademais, a conectividade ecolóxica ao actuaren como
verdadeiros corredores verdes que conectan ecoloxicamente o territorio.
O ámbito declarado está constituído polo Dominio Público Hidráulico e a zona de servidume dos ríos Mero, Barcés, Gobia, Rego de Fontao e Rego de Roufrío e máis algúns enclaves adxacentes que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Abegondo delimita como solo rústico de protección de espazos naturais.

Rexistra colindancia e contigüidade cos límites da Zona de especial conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre, espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000 de Galicia e que conta como instrumento de xestión co Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.
O obxectivo primordial na xestión do ENIL Ribeiras do Mero-Barcés é conservar e restaurar os valores naturais deste espazo, continuando así coa labor que se comezou no ano 2009 co Proxecto Life+ Aqua Plann Project – Xestión integrada dos recursos hídricos e a súa aplicación no planeamento local do LIC “Encoro Abegondo-Cecebre”.